Cruz Vermella utiliza cookies para mejorar su navegación y ofrecer contenidos de interés. Al navegar entendemos que autoriza a Cruz Vermella a almacenar y acceder a las cookies.Pinche el siguiente enlace si desea información sobre el uso de cookies y como deshabilitarlas.
Más informaciónAceptar
“O mundo necesitaba unha labazada, pero esta foi moi forte” - Cruz Vermella
María Hombreiro, coñecida polas súas amizades e a súa familia como Mili, é usuaria das actividades da Cruz Vermella en O Condado dende fai polo menos seis anos. Acompañada por Luisa e Javier, voluntarios do programa de persoas maiores, charlan sobre a experiencia persoal de Mili durante o período de confinamento, dende unha visión positiva e amable.
Bos días, Mili. É un pracer terte aquí connosco. Como te atopas?
Ola, bos días. Atópome perfectamente, grazas.
O primeiro de todo, gustaríanos darte a coñecer, polo que, como te definirías?
Defínome como unha persoa moi familiar, por iso me afectou o confinamento.
Poderíanos concretar que foi para ti o confinamento?
Pois fóronme a ver tódolos días e levábanme cousas. Non entraban na casa por seguir as normas e máis que nada polo meu ben. Son unha persoa que acepta as cousas tal e como veñen e houbo que aceptalas así para levalo o mellor posible.
Experimentaches algún cambio no teu día a día polo confinamento?
Sí, antes ía visitar a miña filla tódolos días. Normalmente facíalles a comida e xa comía con eles. Estaba cós nenos e levábaos ás actividades... e claro, agora todo iso bótalo de menos.
Como afectou esta crise a túa familia?
Pois con moito sacrificio porque teñen os seus traballos e as súas cousas e a vez estaban moi pendentes de min. Ían a verme tódolos días aínda que fora de lonxe, chamándome mil veces ó día e falando con eles e cos nenos por Skype. Tamén estiven de cumpre anos durante o confinamento e déronme unha sorpresa preciosísima. Mandáronme nun pendrive un vídeo e un álbum con fotos de tódolos meus menos e co meu bisneto. Foi un cumpreanos precioso, sola pero fermoso, un día moi emotivo. Facía moitos anos que non me emocionaba tanto e chorei, sí, pero de alegría.
Durante o confinamento, retomaches ou atopaches algunha nova afección?
Pois tiven moito tempo para facer algo que me gusta moito, que é ler, aínda que agora estou lendo menos ó non ter tanto tempo libre. Lin moitos libros, polo menos dez, grazas ó libro electrónico que me regalou o meu neto. Non lembro tódolos títulos, pero lin, por exemplo, “Orgullo e prexuízo”, “A casa alemá”... en xeral gústanme tódolos xéneros menos o drama, a realidade xa é triste dabondo. Tamén vin series como “Chernóbil”, casos de investigación baseado en feitos reais ou documentais sobre a sociedade. Tamén cociñei para a miña familia.
Nótase que non estiveches aburrida, pero tamén é interesante saber se co confinamento cambiou algo as relacións coas túas amizades e cós veciños.
Lévome moi ben con tódolos meus veciños. Tiven tempo para falar cun veciño que ten unha finca detrás do meu edificio. Falabamos dende a ventá. Un día incluso lle dixo á filla que me dera unhas flores. Coas miñas amigas non retomei o mesmo contacto de antes, seguimos falando pero xa non quedamos na cafetería porque non me gusta ir os sitios pechados. Tampouco volvín á misa, agora ségoa pola televisión.
Por certo Mili, tes algún obxecto/persoa/lugar que durante o confinamento pensaras “menos mal que teño...”?
O móbil, para poder ver ós meus netos e falar con toda a familia. É un utensilio que nos valeu para moito.
Coas novas tecnoloxías resúltanos máis doado buscar información e ser bombardeados por esta, sentícheste asoballada ou leváchelo con calma?
Leveino tranquila, a pesares de que houbo momentos duros, xa que foi moi forte, sobre todo o que pasou coas persoas maiores.
Que é para ti a Cruz Vermella?
Para min é unha institución fantástica que vos preocupades moito pola xente maior. Durante o confinamento chamastes a moitas persoas para saber como estaban e se precisaban algo. Eu, aínda que vos dicía que non necesitaba nada, que tiña á familia, seguiades chamando para saber se estaba ben; e eu encantada. En fin, un labor impresionante.
Cal cres que foi o papel da Cruz Vermella nesta crise e que aportou?
Axudou a moitas familias e persoas maiores que o necesitaban, tanto en alimentos, apoio, seguemento...
Das actividades que realizaches coa Cruz Vermella durante o confinamento, que che pareceron e cales son as que máis botas de menos de antes da crise?
O que máis boto de menos é ximnasia. Actualmente estou facendo as actividades do taller de ocio virtual e estou moi contenta.
Pensas que cambiou algo a sociedade tras este período de clausura?
A xente ten memoria de peixe, pero o pouco que cambiou penso que foi para ben. Opino que o mundo precisaba unha labazada, pero esta foi moi forte, temos que tomar as cousas máis en serio.
E por último, que é para ti a nova normalidade?
Deixar de estar confinado, pero sen poder levar aínda a vida de antes. Senón volvería á misa e quedaría coas miñas amigas na cafetería. É unha normalidade pero con “sentidiño”.