Sonia León, orientadora laboral: “Ser participantes do proxecto Aprender Traballando vai servir para ser visibles para as empresas do sector do comercio e actividades de venda”

O programa “Aprender Traballando”, destinado a mozos de Garantía Xuvenil, abriu este mes de abril o proceso de selección para a terceira edición que se vai a celebrar na Coruña e que contará con 20 prazas. Hoxe falamos con Sonia León, orientadora laboral responsable do proxecto, para que nos dea máis detalles sobre esta iniciativa financiada polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo ( POEJ).
Cales son os obxectivos principais deste proxecto?
O obxectivo é axudar na inserción laboral de mozos e mozas, neste caso menores de 30 anos e que están en Garantía Xuvenil, no sector do comercio e actividades de venda. Detectamos que este é un sector no que a xuventude ten unha alta porcentaxe de inserción xa que as empresas demandan menores de 30 anos para incorporar ó seu equipo así que van ter espazo, moitas ofertas dispoñibles e postos vacantes para eles. Na maioría de ocasións non teñen a formación nin a experiencia suficiente e desde o proxecto trabállase para axudarlles a alcanzar esa inserción.
Quen pode participar?
En principio os únicos requisitos necesarios para formar parte do proxecto son que sexan mozos menores de 30 anos, desempregados e que estean en Garantía Xuvenil. Ademais, é importante que non teñan experiencia nin formación suficiente en comercio e, sobre todo, que teñan interese neste sector como un obxectivo a medio ou a longo prazo.
Como é o proceso de selección dos participantes?
Trátase dun programa de catro meses e medio de duración, aproximadamente, no que levan a cabo todas as actividades e intervencións que ten o itinerario formativo e de capacitación, pero dunha maneira máis intensiva e concentrada no tempo. Unha vez que unha persoa mostra o seu interese por participar en Aprender Traballando fáiselle unha entrevista persoal, identifícanse cales son os seus intereses e motivacións e comprobamos se este programa pode responder as súas necesidades. De ser así, aproveitamos as semanas previas ao comezo do curso para recoller máis información sobre a persoa participante. Ademais da información mínima necesaria imos traballando aspectos relacionados coa motivación, para afrontar o proceso de formación porque será intenso. Tentamos introducilos aos poucos no que despois será a dinámica de clase. Traballamos aspectos como a motivación, a autoestima, o auto-coñecemento, os puntos fortes e débiles de cada un, os hábitos e o seguimento de horarios. A puntualidade para as citas, por exemplo, é fundamental non só para a formación senón tamén despois á hora de ter un posto de traballo. No caso de que o candidato non sexa apto para este proxecto, derívase a súa demanda ao proxecto do Plan de Emprego máis adecuado.
En que consiste a formación teórica?
Son basicamente dous bloques. Por unha banda, nunha primeira parte trabállanse habilidades persoais como comunicación, traballo en equipo, autoconfianza, autoestima ou resolución de conflitos. Sempre facemos tamén un curso de manipulador de alimentos porque telo pódelles abrir máis portas e novos camiños, xa non só en comercio senón moito máis alá, e traballamos temas relacionados coa prevención, a igualdade de trato e o empoderamento dixital. Doutra banda, o segundo bloque está destinado á capacitación de actividades de venda, na que se ofrece unha formación máis teórica coa que se profunda en aspectos de mercado e de comercio, realizan prácticas de caixa, de etiquetaxe, etc.
E como é a formación práctica?
As prácticas non laborais realízanse durante dous meses nunha empresa cunha xornada de seis horas. En total son 270 horas de formación práctica e adoitan traballar en quendas de mañá e de tarde. O ideal é que a empresa os queira rotar para que poidan aprender o máximo posible xa que non é o mesmo, por exemplo, unha xornada con apertura de tenda que una de peche, nin o mesmo a clientela de mañá que a de tarde. O obxectivo é que se habitúen a eses fluxos e a verdade é que este é un punto clave no proceso de aprendizaxe.
Que beneficios ten o proxecto Aprender Traballando para as persoas participantes?
Hai moitas razóns polas que creo que é unha boa oportunidade. Unha delas é que este proxecto ofrécelles a posibilidade de obter unha certificación dunha formación e unha capacitación neste sector. Ademais, vai permitir ter un contacto con empresas, xa non só a través das prácticas senón tamén por mor das diferentes visitas que realizamos durante a formación teórica. Van poder introducirse no sector do comercio, coñecer a responsables de Recursos Humanos, seccións diferentes e realizar prácticas non laborais en empresas nas que demostrar as súas capacidades e habilidades para desenvolver ese traballo. En definitiva, ser participantes do proxecto “Aprender Traballando” vai permitir ser visibles para as empresas do sector do comercio e actividades de venda.
Cal é a porcentaxe de inserción neste proxecto?
O resultado final é moi alto e positivo. Precisamente unha das claves da inserción é que se trata dun proxecto intensivo de aprendizaxe co que se forman ben. Os dous meses de prácticas non laborais permítenlles demostrar na empresa o que poden ofrecer como traballadores e ver a súa evolución e que eles mesmos poidan superar as primeiras barreiras persoais que poidan ter ao iniciarse neste proxecto.
Ata cando se pode formalizar a inscrición?
Aproximadamente ata o 20 de abril que é a data na que pecharemos o proceso de selección. As persoas interesadas poden escribir un correo electrónico a solede@cruzroja.es ou chamar por teléfono ao 981 22 10 00 ext. 38209.