Cruz Vermella utiliza cookies para mejorar su navegación y ofrecer contenidos de interés. Al navegar entendemos que autoriza a Cruz Vermella a almacenar y acceder a las cookies.Pinche el siguiente enlace si desea información sobre el uso de cookies y como deshabilitarlas.
Más informaciónAceptar
Actividades que dan vida. A experiencia de Arístida en Cruz Vermella Lalín - Cruz Vermella
O programa de Persoas Maiores é unha das áreas prioritarias da Cruz Vermella, apostando fortemente polos servizos que permiten a permanencia da persoa no seu entorno. Na Cruz Vermella en Lalín desenvólvense diferentes accións que tratan de mellorar a calidade de vida destas persoas, aportando protección e seguridade. Ante a “nova normalidade”, adaptámonos para seguir ofrecendo diferentes obradoiros, mantendo sempre tódalas medidas sanitarias recomendadas (uso de máscara, xel hidroalcohólico e distancia de seguridade) e sobre todo moito sentidiño.
Antes do confinamento, Arístida, unha das participantes nas actividades da Cruz Vermella en Lalín, dábanos a súa opinión sobre os talleres e explicábanos o que lle aportaban.
“Vou a clases de informática, a ximnasia e a memoria”, contábanos no mes de febreiro. “Estamos moi contentos todos con estas actividades”. Aproveitaba a ocasión para explicarnos todo o que facía durante as clases de informática: “Mándanos buscar cousas. Eu nunca antes utilizara un ordenador”. Ademais de aprender e descubrir novas experiencias, a Cruz Vermella serviulle para coñecer a outras persoas, moitas delas nunha situación moi semellante a súa. “Levámonos moi ben, estamos moi a gusto”. “As veces, lévannos de excursión a algún lado, de paseo. Todas estas actividades danme a vida”, relataba agradecida Arístida.
Arístida ten 76 anos e vive soa. Ten unha filla que vive en Vigo, coa que de vez en cando pasa algunha tempada. A relación desta muller coa Cruz Vermella comezou pouco despois de que a Institución abrise a nova sede no municipio. Arístida acababa de quedar viúva, así que na compaña da súa cuñada acudiu á sede para pedir información das actividades que se desenvolvían, e decidiu quedar.
Sen embargo, a aparición do coronavirus provocou que todas estas actividades quedaran paralizadas. Durante o confinamento non faltaron as chamadas diarias para comprobar se necesitan algo; nin as clases de memoria a distancia. Coa chegada do bo tempo, durante os meses de xullo e agosto puideron recuperarse algunhas actividades de forma presencial. Con tódalas precaucións posibles, durante eses meses estivais puideron desenvolverse os obradoiros de memoria e de xerontoximnasia cuns aforos máis reducidos. A Carballeira do Rodo converteuse no lugar escollido para realizar estas sesións, mestras se desfrutaba do bo tempo nun espazo aberto. Por suposto, a estas actividades volveu Arístida encantada.
No último ano, a Cruz Vermella en Lalín atendeu a 181 persoas coa axuda de 21 voluntarios e voluntarias que colaboraron neste programa. Obradoiros de teléfonos móbiles, xerontoximnasia, estimulación da memoria, manualidades, teleasistencia ou acompañamentos nos domicilios foron só algunhas das actividades que se levaron a cabo na Cruz Vermella de Lalín coa financiación da Xunta de Galicia.