María Fernández-Vivancos, voluntaria internacional: “Cando estás en países moi distintos humanizas a realidade, caen os clichés sobre outras culturas”

María Fernández-Vivancos Marquina (Ourense, 1986) está a ultimar os detalles para a súa primeira experiencia de voluntariado internacional en Kirguizistán. Segura de que se lle vai a pasar voando o mes que está previsto que dure a misión, confesa que só ten medo ao frío, porque as temperaturas son moi baixas, e a cumprir co traballo asignado.
Agora o seu horizonte céntrase en traballar e aprender, aproveitar esta oportunidade que lle brinda o voluntariado internacional. “Estar nun país ao que doutra maneira non accedería, colaborar cunha sociedade nacional de Cruz Roja distinta, nun tema de saúde pública… estou moi ilusionada, a verdade”, cóntanos xusto antes da súa partida.
O seu labor durante o próximo mes será como avaliadora de resultados das intervencións en materia de tuberculoses desenvolvidas por Cruz Vermella Española conxuntamente coa Media Lúa Vermella de Kirguizistán. Por iso esta convocatoria significa para ela un paso máis na súa actividade como voluntaria e como profesional.
“No mundo da cooperación internacional moitas veces preguntámonos como podemos axudar desde o campo das ciencias sociais, porque pensamos que o que fan falta son enxeñeiros/ as, médicos/ as… Sempre tiven ese dilema, e nesta ocasión podo axudar no campo onde máis me formei: a avaliación, que é moi importante. Ver que se fixo, que impacto tivo, en que se pode mellorar e que se pode replicar”, explica.
Na súa maleta non falta un caderno para escribir, computador, música, cámara de fotos e un libro. Podería ser a de calquera trotamundos, e a verdade é que ela viviu xa en tres continentes distintos.
“Ter vivido noutros países, como en Exipto, dáche seguridade para saír a terreo. Aprendes moito sobre ti mesmo, sobre que está normalizado na túa cultura que noutras non, e mesmo podes elixir que queres manter da túa cultura de orixe, que cousas son unha carga e cales adquires do teu país de acollida”, afirma.
Neste sentido destaca que “cando estás en países moi distintos humanizas a realidade, caen os clichés que podemos ter sobre outras culturas; e creo que isto é un exercicio necesario para aprender como ser humano”.
“Para min é unha honra poder ir a Kirguizistán facendo voluntariado internacional, algo que sería inaccesible se non participase como voluntaria na asemblea de Cruz Vermella en Ourense no proxecto de Educación para o Desenvolvemento, onde coñeces a fondo a institución, os nosos principios e valores”, conclúe.