Cruz Vermella A Coruña e o humorista gráfico Luís Davila únense para difundir o servizo de Teleasistencia da Organización
- Persoas maiores
- Teleasistencia
- Cruz Vermella A Coruña
- Cruz Vermella Arzúa
- Cruz Vermella Betanzos
- Cruz Vermella Boiro
- Cruz Vermella Carballo
- Cruz Vermella Cedeira
- Cruz Vermella Ferrol
- Cruz Vermella Laxe
- Cruz Vermella Malpica
- Cruz Vermella Noia
- Cruz Vermella Ordes
- Cruz Vermella Ribeira
- Cruz Vermella Sada
- Cruz Vermella Santiago
- Cruz Vermella Terra de Soneira

Cruz Vermella Española foi pioneira a nivel nacional desde hai máis de 30 anos na prestación do servizo de Teleasistencia, que achega tranquilidade, seguridade e independencia ás persoas usuarias. Con só pulsar un botón, un equipo de profesionais está operativo as 24 horas, os 365 días do ano. Ademais, ao producirse unha situación de emerxencia mobilízanse os recursos necesarios para atendela, xa sexa o aviso a familiares ou persoas de contacto, así como aos servizos médicos, ambulancia, policía ou bombeiros, entre outros, garantindo unha atención rápida e eficiente.
Desde Cruz Vermella trabállase para mellorar a vida das persoas a través da tecnoloxía, poñendo especial foco nas persoas máis vulnerables e adaptando a asistencia ao perfil da persoa que o demanda. Neste sentido, o servizo de Teleasistencia permite detectar necesidades, desenvolver programas e servizos personalizados e inclusivos, fomentar o autocuidado, axudar a previr enfermidades e a reducir os tempos de convalecencias. Ademais, colabora para que as persoas manteñan a súa autonomía o maior tempo posible na súa contorna habitual. Na actualidade, na provincia da Coruña un total de 6.509 persoas benefícianse do servizo de Teleasistencia de Cruz Vermella, dos que o 21% son homes e o 79% mulleres.
Nova campaña de Cruz Vermella
Os últimos datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sinalan que en Galicia hai un total de 672.930 persoas maiores de 65 anos, o que representa máis do 24% do total da poboación. Este feito, unido ás baixas taxas de natalidade rexistradas na Comunidade Autónoma, sitúan a Galicia co segundo índice de envellecemento de España, soamente por detrás do Principado de Asturias. Pero, ademais, Galicia conta cunha dispersión xeográfica densa que a fai combinar espazos rurais con outros máis urbanos. Neste contexto, a asemblea provincial de Cruz Vermella A Coruña pon en marcha unha nova campaña informativa do servizo de Teleasistencia, cuxo obxectivo é incrementar o coñecemento e a notoriedade do mesmo no ámbito provincial.
A través do humor gráfico do coñecido Luís Davila, a campaña está dirixida a persoas que viven soas ou pasan tempo soas, pero tamén a persoas maiores, con discapacidade, enfermos crónicos ou persoas con problemas de autonomía. Pero, ademais, esta iniciativa pretende dar a coñecer o servizo entre os familiares daquelas que se atopen nestas situacións, ou entre profesionais da contorna dos maiores como farmacias, médicos ou enfermeiras, entre outros.
“Cando comezamos a deseñar esta campaña o obxectivo principal era captar o interese da audiencia dunha maneira diferente a todas as utilizadas ata o de agora e o noso punto de partida foi o humor como un valor engadido que podía disparar a atención sobre o produto. Así, decidimos recorrer ao traballo dun referente do humor gráfico a nivel nacional como é Luís Davila, porque os seus personaxes representan a persoas coas que calquera pode sentirse identificado e en accións da vida cotiá, tanto no rural como nas zonas máis urbanas. Foi un pracer ter a oportunidade de colaborar con el”, sinalou a presidenta provincial de Cruz Vermella A Coruña, Mercedes Casanova, durante a presentación da campaña.
E é que a campaña virará ao redor de tres viñetas e catro personaxes (dous homes e dúas mulleres) do humorista gráfico Luís Davila que mostran situacións da vida cotiá nas que as persoas poden utilizar o servizo de Teleasistencia, co obxectivo de sentirse seguras e tranquilas, mantendo a súa autonomía e independencia nas súas actividades habituais. “Cando me contaron o proxecto enseguida visualicei que calquera dos meus personaxes podía ser o protagonista das historias que se querían transmitir na campaña. Primeiro, porque moitos deles roldan a idade das persoas usuarias do servizo e, en segundo lugar, porque son próximos, familiares e calquera se pode ver identificado e recoñecido neles. A idea é utilizar o humor gráfico para, dun golpe de vista, transmitir o servizo, recorrendo a este medio para xerar emocións, sensacións e sentimentos”, comentou Luís Davila.
A campaña, cuxa duración extenderase ata o próximo mes de marzo, conxugará elementos do márketing tradicional, como instalación en mupis ou anuncios en prensa, radio e televisión, con outros dixitais. Ademais, están previstas diferentes accións de street márketing nas que os personaxes se transformarán en corpóreos que achegarán o servizo á cuidadanía da provincia.
Más información: https://teleasistencia.gal/