Cruz Vermella estrea en Vigo unha nova sede desde onde atender ás necesidades da comarca

As novas instalacións de Cruz Vermella Española na comarca de Vigo eran inauguradas onte polo Presidente Nacional de Cruz Vermella Española, Javier Senent.
O actode inauguración tamén asistiron a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o conselleiro de política social, Jose Manuel Rey, o deputado provincial, Carlos López Font, a subdelegada do goberno, Ana Ortiz Álvarez, o director de inclusión social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, e a presidenta provincial de Cruz Vermella, Teresa Álvarez.
Con 124 anos de servizo na cidade de Vigo, Cruz Vermella Española presentou hoxe á sociedade Viguesa as novas instalacións desde as que prestará servizo na rúa Teófilo Llorente, 8, en Vigo.
Deste xeito, o 11 de xaneiro de 2017 pasa a ser unha data histórica para a Institución humanitaria por finalizar un traslado desde a rúa Ecuador, 16 no que desenvolveron a súa actividade durante os últimos 53 anos.
Este novo centro de actividade de Cruz Vermella albergará o desenvolvemento de diferentes proxectos dirixidos á infancia, a persoas maiores, a persoas en extrema vulnerabilidade, a discapacitados a mulleres en dificultade social, a inmigrantes, proxectos de Mocidade, de emprego, de socorros e emerxencias, de formación, ou de participación de voluntariado, entre outros, grazas ao traballo que desenvolven na actualidade 2.300 voluntarios e voluntarias de toda a comarca coa achega de 7.555 persoas socias, ás que se suman un persoal de persoal técnico especializado en distintas áreas.
Con estas novas instalacións, Cruz Vermella abre unha nova sede comarcal aberta á cidadanía na que responder mellor a todas as necesidades da poboación, nun edificio que será próximo, de persoas e para as persoas, a quen se pon ao seu servizo, unha vez máis, en Vigo. O edificio trata de ser acorde ás necesidades actuais e busca solucionar as demandas e inquietudes da poboación viguesa con novas tecnoloxías que garanten unha mellor coordinación e comunicación de toda a rede territorial de Cruz Vermella. A nova sede elimina as barreiras arquitectónicas e liquida a falta de espazo á que estaban sometidos ata a data; do mesmo xeito, intégranse nunha única localización os proxectos que leva a cabo a Institución en Vigo nun edificio integral e moderno.