Cruz Vermella inicia en Pontevedra o proxecto “Empoderamento a mulleres en situación de dificultade social”

Cruz Vermella Pontevedra arrancou o programa “Empoderamento a mulleres en situación de dificultade social”, coa formación do primeiro grupo composto por seis mulleres. As actividades estiveron repartidas en catro sesións, cada unha orientada a traballar unha área específica: empoderamento, motivación, xestión do estrés e autocoidado.
Este novo proxecto, financiado pola Xunta de Galicia, está dirixido a mulleres que presentan algunha dificultade social, é dicir, con escasas redes sociais de apoio, soas con fillos ó cargo, inmigrantes ou refuxiadas, vítimas da violencia de xénero ou noutras circunstancias que poidan deizalas nunha situación de vulnerabilidade. Por outra parte, este programa tamén beneficia á poboación en xeral mediante actividades de sensibilización que se desenvolven no entorno comunitario e que favorecen o respecto e a tolerancia, elementos clave para a loita contra a violencia de xénero e as distintas formas de desigualdade entre homes e mulleres.
“Empoderamento a mulleres en situación de dificultade social” ten como obxectivo proporcionar unha atención integral ás mulleres. Para iso, trabállanse diferentes aspectos, como son: diminuír o impacto da violencia e a vulnerabilidade no núcleo familiar, favorecendo o vínculo nai-fillo; cubrir as necesidades básicas dende un enfoque bio-psico-social, apoiando a recuperación das mulleres en risco; logro da autonomía persoal mediante accións formativas; fortalecemento das capacidades e apoio na busca de solucións mediante a intermediación.
Falamos con Orly Ortiz, unha das beneficiarias deste proxecto para coñecer a súa historia e a súa opinión sobre as actividades realizadas e saber se lle resultaron de utilidade. Orly defínese a si mesma como unha persoa independente e positiva, que sempre loitou (e loita) por conseguir o que quere. Nas súas propias palabras “non quere ser un peso para ninguén”. Por iso sempre trata de aprender cousas novas para labrarse o seu futuro laboral.
Na pescuda dun futiro mellor, non dubidou en deixar atrás o seu país de orixe e vir a España tras novas oportunidades. A súa primeira parada foi en Madrid, onde a pesares dos seus estudos de Dirección e Administración decidiu apuntarse a un certificado de profesionalidade encamiñado ó sector dos eventos que lle abrira novas portas. Pero apenas rematara as prácticas cando o confinamento nos pillou a todos por sorpresa. Unha vez levantadas as restricións, decidiu vir a Pontevedra. Unha vez aquí, informouse sobre o Plan de Emprego de Cruz Vermella e foi cando coñeceu este programa, que lle encantou. “As clases foron moi agradables”, manifesta. “Aportáronme moita alegría e sobre todo motivación”. Explica que unha das actividades que máis lle gustau foi “A árbore da vida”. “Este exercicio serviu para que lembráramos tódolos nosos logros. As veces, sobre todo se estas pasando unha mala racha, esquéceseche todo o que conseguiches. Pero se o pensas sabes que vas poder conseguir todo o que queiras”.
Actualmente, xa se están preparando novos grupos e espérase que nas próximas semanas se inicien novas formacións deste proxecto.