Cruz Vermella recoñece en Santiago de Compostela o apoio de 230 empresas que loitan contra a exclusión

Cruz Vermella traballa para contribuír á inclusión das persoas en risco de exclusión social traballando desde múltiples enfoques e, para iso, o papel das empresas é fundamental. Por este motivo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu esta tarde, ás 19:00 horas, o acto anual co que a Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Santiago de Compostela pon en valor o labor do tecido empresarial para construír unha sociedade máis xusta, baseada na igualdade de oportunidades.
En concreto, a Organización recoñeceu nesta ocasión o labor de 230 empresas que colaboran con Cruz Vermella, tanto a través do Plan de Emprego como con colaboracións económicas, a cesión de espazos, a realización de campañas, charlas, talleres ou de diferentes actividades a beneficio de Cruz Vermella, entre outras accións. Trátase de empresas tanto pequenas como grandes e de sectores tan diversos como a hostalería, o comercio, a industria, a limpeza ou a atención ás persoas.
O acto estivo dirixido pola presentadora Tati Moyano, e contou coa presenza de Mercedes Casanova, presidenta provincial de Cruz Vermella na Coruña; José Luis Barreiro, presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Santiago de Compostela; e Rocío Ovalle, coordinadora da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Santiago de Compostela.
Tras a exposición dos principais resultados da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Santiago de Compostela, a mesa redonda organizada nesta ocasión profundou na importancia da xestión da diversidade nas empresas, como un compromiso corporativo e unha estratexia integral a ter en conta. Nela interviñeron Elvira Aranguena, directora da oficina de Flexiplan en Santiago de Compostela. Grupo Eulen- Flexiplan; Alberto Rodriguez, xerente de Limpezas Salgado; Marcos Regueira, responsable de Orchestra Santiago; e Fany López Amado Fraga, técnica selección de persoal do Departamento Persoas de VEGALSA. Neste foro debateron sobre se a diversidade é unha opción ou debe ser un obxectivo estratéxico para desenvolver e integrar a transparencia nas empresas e aproveitaron a ocasión para profundar nas claves para ter en conta para levala a cabo e os beneficios sociais e empresariais que xera.
Colaboración co Plan de Emprego
Os bos resultados desta alianza entre as empresas e a Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Santiago de Compostela plásmanse de forma moi clara no ámbito do emprego: no período 2016-2019 un total de 1.346 persoas participaron no Plan de Emprego, que conta co apoio do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social ( POISES). Delas, a Organización conseguiu a inserción do 60 por cento delas.
O mérito, ademais do esforzo dos propios participantes, é compartido coas empresas que os acollen en prácticas, imparten formación ou contactan co equipo de Cruz Vermella cando necesitan contratar algún novo empregado; desta maneira, as empresas conseguen traballadores cualificados que demostraron as súas capacidades, ao mesmo tempo que contratan ás persoas que máis o necesitan.
Fotografía: José Vittori.