O restaurante Augamar da Coruña acollerá unha cea benéfica a favor de Cruz Vermella

Dende hai catro anos, o certame gastronómico Come o mar promove o turismo das zonas mariñeiras de Galicia, poñendo en valor a súa cultura e a riqueza dos produtos do mar. Pero non se trata só diso: a responsabilidade coas costas galegas e os seus veciños motivou os organizadores desta iniciativa e ao Grupo Alborada a clausurar o certame cunha cea en favor de Cruz Vermella. A cea terá lugar o próximo xoves, 10 de xullo, no restaurante Augamar da Coruña.
O mar está intimamente ligado tanto á orixe de Come o mar como á esencia do Grupo Alborada, que ten na materia prima procedente do mar o puntal básico da súa cociña. De aí que ambas as dúas partes decidisen destinar os fondos recadados a Cruz Vermella, una Organización de referencia en salvamento marítimo, dende a asistencia e socorro de persoas que se encontran en perigo ata a loita contra a contaminación mariña.
A cea dará comezo despois do simulacro que Cruz Vermella realizará no Dique da Coruña, xunto ás instalacións de Augamar, no que mostrará algúns dos seus exercicios para operacións de busca, salvamento e rescate. O menú estará composto por peixes e mariscos procedentes das nosas costas e lonxas e nel integraranse tanto produtos de recoñecido prestixio coma outros que ata hai un tempo non se valoraban e que a alta gastronomía está a revalorizar, coma a boga, a xarda ou o xurel.
Todos os produtos cos que se elaborará esta cea están doados por Come o mar e os Grupos de Acción Costeira (A Mariña-Ortegal, Golfo Ártisteabro, Costa da Morte Seo de Fisterra, Ría de Muros e Noia, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra, Ría de Vigo-A Garda). O prezo da cea é de 35 euros e as reservas pódense realizar a través da web www. alboradahosteleria.com, no restaurante Alborada e no restaurante Aguamar.