Cruz Vermella logra inserir a 4.000 persoas no mercado laboral de Galicia

Cruz Vermella presentou os resultados da súa aposta polo emprego en Galicia. A Organización fai balance dos obxectivos alcanzados entre 2016 e 2019 nos seus proxectos de emprego no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES), que levan a cabo co financiamento do Goberno de España e do Fondo Social Europeo.
No citado período, Cruz Vermella traballou con 6.658 persoas e logrou a inserción laboral de 4.000 persoas en Galicia, o que significa que accederon a un emprego indo da man da nosa Organización. Este dato indica que a taxa de inserción laboral alcanzada é do 60%, é dicir, 6 de cada 10 persoas participantes nos proxectos POISES obtiveron un traballo.
Mellorar a empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral en igualdade de oportunidades son obxectivos principais destes proxectos a través dos que Cruz Vermella traballa directamente con persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, mulleres moi afastadas do mercado laboral ou persoas en risco de exclusión social.
O acto de presentación de resultados desenvolveuse baixo o lema Oportunidades que cambian vidas e contou coa intervención da presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, o director xeral de Inclusión social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, e a coordinadora de Inclusión e Emprego de Cruz Vermella Galicia, Carmen Isasi.
Perfís
O perfil tipo das persoas coas que traballamos é o de muller, de nacionalidade española, con baixa ou nula cualificación e en situación de desemprego desde hai tempo.
Outros datos significativos dos perfís das persoas atendidas son:
• o 63% son mulleres e os 37% homes.
• o 57% son de orixe española e o 43% doutros países.
• o 34% son menores de 30 anos mentres que o 27% son maiores de 45 anos.
• o 31% non ten estudos mentres que o 27% alcanzou soamente a ESO.
Outro dato importante é que 3.274 persoas obtiveron formación e capacitación, é dicir, ampliaron as súas habilidades e capacidades para estar en mellores condicións no camiño cara ao emprego.
Colaboración empresarial
Estes resultados non fosen posibles sen a implicación de 2.390 empresas colaboradas coas que se estableceron 6.243 alianzas de diverso tipo, o que demostra que apostan por brindar oportunidades a quen máis o necesitan. Isto permitiu que os participantes puidesen, entre outras cousas, realizar visitas de orientación, facer prácticas formativas non laborais ou ben obter un contrato.
Algúns dos sectores máis habituais nos que se producen estas colaboracións son os de hostalería, comercio, limpeza, loxística e distribución. Actualmente, Cruz Vermella está a abrir novas vías de colaboración no ámbito das TIC.
Equipo e localidades
Cruz Vermella conta en Galicia cun equipo de 37 técnicos e técnicas que actualmente traballan en proxectos POISES nas seguintes localidades: A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra e Vigo. O apoio do voluntariado tamén é fundamental na actividade do Plan de Emprego.